Monday 29 de April de 2024

Feijóo valora a evolución do sector turístico no período estival e considera que Galicia baterá este verán o seu récord histórico de turistas


Afirma que “o número de turistas non crece só en cantidade, senón en calidade”

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou a evolución do sector turístico no período estival e sinalou que o comportamento da comunidade neste eido continúa a liña ascendente dos últimos anos e todo indica que este verán Galicia baterá o seu récord histórico de turistas.

Segundo destacou o presidente da Xunta, esta valoración é froito da sondaxe cualitativa que fixo Turismo de Galicia e súmase aos datos relativos a xullo que confirmou onte o INE.

Neste senso, Feijóo abordou algunhas das conclusións que arroxan estes datos e sinalou que o nivel de ocupación medio situouse máis de cinco puntos por riba das cifras obtidas o pasado ano. Ademais, aumentaron tamén con respecto a 2015 o número de viaxeiros (un 5,2% máis) e o de noites en establecementos hoteleiros (que crecen un 12,2%).

Estes dous indicadores, como sinalou o máximo responsable autonómico, chegan tamén a máximos históricos, moi por riba das cifras rexistradas no último Xacobeo. Tamén se superou o récord no número de turistas internacionais, que en xullo foron un 2,3% superiores aos rexistrados en 2015.

O número de turistas crece en cantidade e en calidade
Por outra banda, o Camiño de Santiago tamén segue crecendo e no pasado mes de xullo expedíronse case 45.500 compostelas, máis que nunca antes, mesmo nos anos xacobeos. Así mesmo, segundo indicou o presidente da Xunta, desde o sector identifican unha tendencia moi positiva para Galicia, pois “o número de turistas non crece só en cantidade, senón en calidade”. Ademais, sinalou que os hostaleiros din que os turistas son máis esixentes e están cada vez máis interesados en actividades relacionadas coa cultura e o patrimonio.

Segundo o presidente da Xunta, Galicia respondeu a este reto cun gran salto cualitativo na profesionalización do sector e cun calendario de eventos que satisfai a demanda dos novos turistas. Desde o paso da Volta Ciclista a España ata o Marisquiño en Vigo, pasando polos moitos festivais musicais que se organizan en Galicia.

Esta evolución no perfil do turista implica que cada vez deixan máis cartos en Galicia. Polo tanto, increméntase sensiblemente a rendibilidade dos establecementos hoteleiros, que sobe un 8,3% respecto a 2015.

Como puxo en valor Feijóo, isto ten un reflexo directo no emprego: este ano rexistráronse case 3.000 afiliacións á Seguridade Social máis que no ano pasado.

O presidente quixo felicitar a “todo o sector da hostelería pero tamén aos corpos e forzas de seguridade do Estado e a todos os que traballaron este verán” dun ano no que todo indica que será de “récord de turismo para Galicia”.